Escribir en galego

Escribir en galego
Fotografía de Castelao
Fotografía de Castelao

En toda España, en 4° da ESO, os alumnos aprenden sobre escritores coma Émile Zola, León Tolstói, Emilia Pardo Bazán ou Ramón del Valle-Inclán. En cambio, só en Galicia se lles ensina a obra de Rosalía de Castro, Castelao, Eduardo Blanco Amor… ¿Cal é a razón desta exclusividade?

Seguramente, a resposta xa chegou con rapidez á cabeza de moitos lectores: non se aprende sobre eles porque escribían en galego. É verdade que, xustamente por isto, non son tan coñecidos e non poden ter a mesma relevancia nos colexios, pero a pouca crítica internacional á que chegou, por exemplo, Rosalía, consideraa innovadora e moi avanzada para a súa época. Só con isto, xa se debería merecer un oco nas aulas, que non ten.

O que se pretende dicir con isto é: ¿paga realmente a pena escribir nunha lingua minoritaria, sacrificando así unha gran parte da fama que poderías alcanzar? Os autores dos que falamos anteriormente responden afirmativamente, e teñen a razón. 

Teñen a razón, e, de feito, ningunha outra resposta lles permitiría compartir o seu potencial artístico completo. Pregúntenlle a calquer lector que teña un gusto por Castelao, por Rosalía, por calquera autor que escribira en galego se serían o mesmo en castelán. Obviamente non, porque unha gran parte da súa identidade era precisamente o galego. Se escriben nesta lingua, é porque forma parte deles dunha forma máis profunda.

No caso dos humoristas vése moito mellor; todos sabemos que as bromas de Touriñán, poñamos por caso, non serían nin remotamente similares se as pasamos ao castelán. Tamén é o caso de Roberto Vilar, que triunfa en Galicia co seu Tunai Show, pero que fracasa ao saltar á escea nacional de humor.

Claramente, este argumento non é válido únicamente para a literatura, nin o humor, senón que tamén se pode trasladar a outros territorios como a música ou o cine. Un autor non escolle o galego por capricho, senón porque é a mellor lingua na que pode desenvolver a súa produción artística. Xustamente por isto é tan importante preservar o noso idioma propio, porque sen él non sería posible comprender totalmente moitas obras excelentes, nin crear máis pezas de cultura igualmente salientables. Para iso serve o Día das Letras Galegas, para homenaxear a todos os escritores que escribiron en galego, e por iso, en Noticias del Subsuelo, sentíamos tamén a necesidade de escribir nesta lingua, aínda que só sexa un día ao ano.

Escribir en galego
Estás utilizando Opennemas CMS
PRUÉBALO AHORA