Os dous de sempre, de Castelao

Os dous de sempre, de Castelao
Imaxe dunha representación teatral da obra
Imaxe dunha representación teatral da obra

No día de hoxe, para min dous días antes do Día das Letras Galegas, atopámonos, ti e máis eu, lector, ante unha das obras cumbre da literatura galega. Se me preguntan sobre os meus libros favoritos, nunca esquezo mentar Os dous de sempre, do célebre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Un dos mellores retratos da nosa cultura, da man dun dos homes que máis amou a nosa patria.

Publicada en 1934, a única novela do autor é unha narración que segue a, evidentemente, dous personaxes. Pedriño é un mociño de aldea ao que só se lle da ben unha cousa: comer. Esta afición súa é a base de todos os problemas que vai tendo ao longo da súa vida, como as súas ambicións frustradas de ser crego, ou funcionario. Por outro lado, o seu mellor amigo da infancia é Rañolas, un pobre rapaz ben astuto que camiña con muletas dende que naceu, cun duro futuro por diante.

Os anceios de aprender de Rañolas lévano a lugares moi diversos, como a mendicidade nas rúas francesas cercanas a algunha catedral. Mentres o seu eivado compañeiro coñece o mundo, Pedriño casa cunha muller e empeza a vivir con ela e máis a súa sogra. A partir dese momento, o mozo perde toda independencia e poder de decisión no fogar.

Falando de forma xeral, a obra é unha peza extraordinaria de crítica á situación galega desa época, como xa ía sendo costume no autor: caciquismo, pobreza, desigualdade social extrema… Amais diso, tamén explora a intelixencia como maldición, posto que só o coitado Pedriño será máis ou menos feliz. A súa contraparte, en cambio, acaba por suicidarse ao coñecer con desilusión a situación do mundo e a pouca posibilidade de cambialo. 

Desta maneira, Castelao expresa a súa interesante visión do mundo dun xeito exquisito, e expón os problemas e as tribulacións dos homes da súa época, que se traslada perfectamente á nosa. Enriba disto, fai un uso destacado da retranca, na que era especialista. De feito, no pequeno prólogo do libro, describe a experiencia de escritura como moi divertida, e podo asegurarvos que a de lectura é igualmente entretida.

Os dous de sempre, de Castelao
Estás utilizando Opennemas CMS
PRUÉBALO AHORA