Letras de amor da autora a Santiago
Son plenamente consciente de que escribo estas liñas para un xornal escolar, nun colexio ao que nin sequera vou, en galego para un espazo predominantemente castelánfalante… E ademáis falo de Compostela de cara a un público coruñés. Perdoade a miña audacia en escribir para vós unhas letras de amor a unha cidade na que non vivides, coa que quizais non tedes moita relación. Non vos preocupar. Aquí todas somos benvidas.
Ben sabemos a estas alturas da película que Santiago é unha cidade patrimonio da humanidade segundo a UNESCO. E iso, é verdade, quizais forme parte do meu amor por ela. Pero non é todo. Santiago podería ser patrimonio da UNESCO só pola Catedral, a rúa Nova e a do Franco, mais esas case (case– a catedral e as rúas si que son auténticas marabillas, pero non son do que quero falar nesta instancia) son as peores partes. O patrimonio da UNESCO non mostra a alma que ten a cidade, que respira, que nos fala, que nos acolle.
Ser patrimonio da UNESCO non describe os recunchiños que acompañan a miña vida dende hai dous anos (porque antes dese momento, malia vivir a 20 minutos, debo recoñecer que non a coñecía moi ben). Os milleiros e millóns de turistas que pasan un ou dous días na miña cidade todos e cada un dos anos –especialmente nos anos Xacobeos– non aprecian como aprecio eu os cachiños de rosetón románico da catedral que forman parte do muro de contención de San Martiño Pinario. Para eles, Santiago é pouco máis que un trofeo bonito ao fin dunha longa peregrinaxe. Non aprecian como aprecio eu a rúa de San Francisco alumeada por unha explosión de luz dourada as tardiñas de outono. Nin o claustro da Facultade de Historia (xa non digo a biblioteca, diso fala todo o mundo). Nin todos os capiteis distintos do claustro do colexio de Fonseca, nin o silencio e calma que te arroupan ao entrar nese lugar no centro do bulicio da rúa do Franco. Nin o teito dese mesmo edificio (nótase que me encanta o colexio de Fonseca?). Nin as rúas pequeneiras que están no centro profundo da miña cidade, polas que pasamos igual 100 persoas diarias, polas que eu paso moi de vez en cando porque, realmente, non están no meu camiño, pero son bonitas, e teñen vida, e teñen alma. Nin o home que senta na esquina de Orfas e Mazarelos cunha guitarra tocando a Guantanamera.
Escribindo esta listaxe ocórrenseme moitos máis, pero tampouco quero que te me durmas polo camiño. Síntoo moito, xardín detrás do museo do Pobo Galego, igrexa dentro da mesma, casa gótica, Corticela, edificio Castromil que non cheguei a coñecer, tódolos recunchos que esquecín mencionar.
Todo este aprecio non só sorxe de visitar unha cidade, senón de respirala. De vivila. Por dentro e por fóra. É fácil tratar unha cidade como un simple espazo, un lugar de paso, un fondo bonito (ou non tanto) para o noso día a día. Mais pode ser moito máis que iso.
Invítovos a vivir a vosa propia cidade. Un día, no medio do bulicio da vida e o corretear dun lado para outro, collede por unha rúa pola que case nunca pasades. Tomade un paseo por unha zona que hai vinte anos que non pasades, como unha clase de meditación. Respirádea. Escoitade ás persoas que cantan nas esquinas. Mirade as pedras dos muros e os relevos enriba das ventás e as formas dos balcóns e as sombras e a forma en que a luz rebota no tellado do Concello na praza de María Pita. E amade a vosa cidade, amádea plenamente. As cidades poucas veces son traizoeiras.