Abandeirada da liberdade
Algunha vez falei neste periódico da desinformación que sufrimos hoxe en día, sobre o peso das noticias atractivas falsas sobre as reais. A manipulación constante dos medios de comunicación non o fai máis fácil. Nun marco coma este, a figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano polas Letras Galegas, resulta case insólita.
Begoña Caamaño era unha periodista que entendía a profesión coma unha actividade comunitaria e colectiva, máis que individual, sempre tendo presente que a solidariedade debía ser unha práctica diaria. Involucrábase enormemente en toda a información que compartía, sempre coa idea de contribuir a fraguar unha sociedade máis xusta, en igualdade de dereitos.
O seu traballo na política, menos comentado que o literario, é máis que reseñable, pois xa desde os seus primeiros anos de traxectoria destacaba no Comité de Empresa de la Radio Galega pola súa implicación contra a manipulación informativa cara ó público. Máis aló, foi unha das defensoras galegas máis importantes, desde os anos 90, do trato igualitario no ámbito laboral, xunto con outras compañeiras súas do eido da comunicación. Era unha muller fortemente comprometida cos seus valores, que participaba incansablemente en manifestacións contra a violencia de xénero, ata que un arrepiante cáncer de páncreas levouna consigo. Tiña ideas moito máis contemporáneas que persoas de xeracións posteriores, mesmo que moitos xoves da actualidade. Ademais diso, interviu vivamente na defensa da Sanidade e a Educación Públicas Galegas. Non se replantexaba compartir información veraz aínda sabendo as consecuencias que podía custarlle.
Eu admíroa moito, pois era alguén que na bandeira da liberdade bordou o amor máis grande da súa vida, como dixo Lorca; quen tamén tiña a Galicia moi presente no seu corazón.